Tuesday 14 de May de 2024

Inaugurado o Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas polo que pasarán 800 loitadores de 34 países ata o vindeiro domingo 2 de xulo


_Lembra a pasada edición do Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas, celebrado en 2019 en Pontevedra, así como a realización de nove mundiais de Loitas Olímpicas Sub23, Grappling e Grappling Gi U17, U20 e absoluto que reuniron en Pontevedra a 1.800 deportistas o ano pasado

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na cerimonia de apertura do Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas que terá lugar en Santiago de Compostela ata o vindeiro domingo 2 de xullo e no que participarán uns 800 deportistas de 34 países.

O mandatario galego lembrou a pasada edición do Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas, celebrado en 2019 en Pontevedra, así como a realización de nove mundiais de Loitas Olímpicas Sub23, Grappling e Grappling Gi U17, U20 e absoluto que reuniron en Pontevedra a 1.800 deportistas o ano pasado. Neste sentido, Lete Lasa asegurou que “Galicia leva moitos anos sendo referente na loita, non só polos campionatos que acollemos senón tamén pola enorme calidade dos nosos loitadores e loitadoras como Lydia Pérez, Nerea Pampín, José Cuba ou Damián Iglesias Vilela, aos que hai que sumar os números 6 do ranking mundial de loita praia Noelia Lalín e Pablo García, ou a deportista de base Nadia Zoltikova”. Moito ten que ver o Centro Galego de Tecnificación de Galicia, dixo, neste momento da loita do noso país. A loita é a terceira federación que conta con maior número de deportistas galegos no CGTD, tan só por detrás do piragüismo e a natación. “Un total de 15 deportistas que son o presente e o futuro da nosa loita”, concluiu.

A selección española participará con 15 deportistas (11 mozos e 4 mozas), dous deles galegos, ambos os dous campións de España, que competirán este venres 30 a partir das 11 da mañá, tras os cruces do xoves que determinarán os seus rivais: Alessandro Iemma, que participará na modalidade de libre masculina (menos de 57Kg), e Moisés Bello (menos de 79Kg). Lete Lasa tamén destacou a participación do árbitro galego Marcos Araújo e dos adestradores Marcos Miragaya e Rubén Méndez.